Sostibilidade

Sostibilidade

Responsabilidade

Desde o Festival Sinsal SON Estrella Galicia pensamos que chegou o momento de enviar unha mensaxe de concienciación e responsabilidade fronte ao día a día e ir un paso máis aló do propio evento. É a hora de facernos responsables da xestión dos nosos residuos cada vez que saímos de casa con alimentos ou bebidas.

Cremos que hai que dar un paso adiante cun modelo de xestión de residuos que parta dun compromiso mutuo entre festival, público, entidades colaboradoras e patrocinadoras en favor do medio ambiente e das persoas. Por iso, presentamos a iniciativa #sinsalsenrastro.

Partimos da teoría das 3R (reducir, reutilizar, reciclar) e presentámosvos unha serie de propostas para non deixar pegada.

Mapa de San Simón - iniciativa sostible sinsalsenrastro

Xestión de residuos e economía circular

  • A illa sen papeleiras e o Punto R: Durante o festival non hai papeleiras na illa. Toda a xestión centralízase no Punto R, o noso espazo de información ambiental e recollida de materiais reutilizables. Unha empresa especializada encárgase do seu posterior tratamento. Grazas a este sistema, nos últimos dous anos reducimos o volume total de residuos na illa en máis dun 30%.
  • Kit Festivaleiro: Convidamos a todo o mundo a vir co seu propio kit desde casa (vaso, pano de tea, prato e cubertos) para afianzar este hábito no día a día. Se non tes o teu, no festival facilitamos vaixela reutilizable con depósito reversible.
  • Cero produción de novos vasos: Por segundo ano consecutivo, renunciamos a fabricar novos vasos de plástico coa marca do festival. Podes traer os teus próprios vasos reutilizables de edicións anteriores ou doutros eventos para beber auga, refrescos e combinados. No caso da cervexa, na barra de Estrella Galicia poderás solicitar os seus vasos reutilizables.
  • Segunda vida para o plástico ríxido: Os vasos ríxidos que nos deixes no Punto R ao marchar do Sinsal converteranse en ornamentación de Nadal e doutras festividades en colaboración con Iluminacións Santiaguesas.

Accións para minimizar o noso impacto

  • Sinsal sen fume: En San Simón delimitamos zonas específicas para fumar. Ao non haber papeleiras, se fumas deberás traer o teu cinceiro portátil e levar as cabichas de volta ao litoral.
  • Eficiencia enerxética: Como festival diúrno e de formato reducido, prescindimos de grandes infraestruturas de iluminación e axustamos o son ao reducido número de asistentes, mantendo un consumo enerxético moi inferior ao doutros eventos.
  • Mobilidade sustentable: O acceso á illa faise exclusivamente en transporte público marítimo desde Vigo e Meirande (Rande). Animámoste a empregar a rede de autobús urbano e tren para chegar ao peirao ou, se non podes, a compartir coche.
  • Gastronomía de proximidade e residuo cero: Apostamos por produtos locais, de tempada e ecolóxicos. Deseñamos a oferta priorizando opcións vexetais e pratos que reduzan ao máximo o residuo orgánico (sen ósos nin espiñas).

Memorias de sostibilidade