Sinsal reúne 30 bandas de 12 países ás portas do seu 25º aniversario
Sinsal SON Estrella Galicia 2026 non é un festival: é unha travesía. A nova edición do festival estenderase ao longo de dúas fins de semana consecutivas: do 24 ao 26 de xullo e do 31 de xullo ao 2 de agosto. Esta nova proposta conectará o corazón da ría de Vigo con outros territorios da contorna e do país veciño a través da música, o patrimonio industrial e a arquitectura.
A experiencia diúrna, o traslado en barco á illa de San Simón desde os portos de Vigo e Meirande (Rande) e o icónico cartel secreto que o público descobre ao desembarcar manteranse como o eixo da primeira fin de semana (24–26 de xullo); mais a programación comezará o venres 24 pola mañá en Vigo con dous concertos de inauguración en espazos singulares da cidade: o Planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico e a cámara semianecoica da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo.
Na segunda fin de semana (31 de xullo–2 de agosto) a actividade trasladarase ao porto de Vigo, Museo do Mar, Real Mosteiro de Oia e, por primeira vez, a Braga, nunha colaboración internacional co Festival Semibreve. Con este percorrido, o festival recupera o eixo cultural entre Vigo, Porto e Lisboa que inspirou o nacemento de Sinsal a principios dos anos dous mil, cando os promotores viaxaban mensualmente a Portugal para coñecer as novidades de clubs e tendas de discos de referencia como Matéria Prima.
A proposta artística de Sinsal 2026 destaca pola súa diversidade e alcance internacional, reunindo a 30 bandas, solistas e DJs de 12 países e catro continentes. O cartel abranguerá sonoridades que van desde as músicas de raíz, rock ou punk ata o hip hop, afrobeat, pop contemporáneo e electrónica.
O festival será o escenario de 15 estreas (10 no ámbito estatal e 5 en Galicia) e música soará nun circuíto de 13 escenarios únicos: catro na illa de San Simón -Buxos Xacobeo 2027, San Simón SON Estrella Galicia, Santo Antón Galicia Calidade e Malmequeres-, seis en Vigo, un en Oia e dous en Braga (Portugal).
Actualmente pódense adquirir os últimos pases dispoñibles para a programación da illa (venres 24 e domingo 26 de xullo), así como as entradas individuais para os diferentes concertos de Vigo, Oia e Braga. Ademais, ofrécese un abono especial a prezo reducido para asistir a todos os directos que se celebrarán na cidade viguesa os días 31 de xullo e 1 de agosto.