Sinsal Primavera
Vigo, 2026
1 de abril | Water Damage (EEUU) + info
3 de maio | Ólöf Arnalds (Islandia) + info
Sinsal Primavera é unha rara avis no panorama musical galego. Trátase dunha serie de concertos que pretende visualizar propostas singulares, de difícil clasificación e, por tanto, pouco habituais no circuíto de programación. Organizado pola promotora galega Sinsalaudio, conta co Concello de Vigo como colaborador principal e co apoio de MARCO de Vigo e Fundación Sales.
Water Damage (EEUU)

|
HORA |
LUGAR |
|---|---|
|
20.30h |
MARCO de Vigo |
Único concerto en España
Mércores 1 de abril | MARCO de Vigo
A música cos potentes drons de Water Damage, colectivo de Austin, é un exemplo maxistral de como funciona o son en constante vibración. Guiados polo principio de “Repetición máxima, desviación mínima”, Water Damage xera campos de drons con capas de ondas resonantes. Desde o escenario, cada unha das ideas sonoras ocupan un estrato e, unha vez que comezan, non miran atrás: todo avanza cara a un punto final imaxinario que só chega cando o ambiente comeza a vibrar.
Os integrantes de Water Damage tamén participan en proxectos como Spray Paint, Black Eyes, USA/Mexico, more eaze ou Swans. A súa presentación acústica ao vivo non vai tan na liña doutros artistas do xénero malia que, en apariencia, conserven elementos comúns. Neste sentido, o colectivo tende a perturban o son insertando outras fontes físicas pero sen descompoñer o equilibrio entre capas de tons e tramas armónicas.
Hai algo realmente especial na música baseada en drons. Xa sexa a voz de Pandit Pran Nath, o ARP 2500 de Eliane Radigue ou os amplificadores de Sunn Ou))), ao cambiar a atención do ouvinte cara aos detalles, os drons teñen unha capacidade única para transportarnos a lugares moi afastados, a miúdo saltando as capacidades auditivas da nosa fisioloxía. Talvez, por iso, cada directo é unha viaxe desde a experiencia individual.
“Water Damage explora os límites do son con intensidade e precisión, ofrecendo a cada asistente unha experiencia sonora inmersiva e transcendental”
Ólöf Arnalds (Islandia)

|
HORA |
LUGAR |
|---|---|
|
13:00h |
Fundación Sales |
Estrea en España do seu novo disco, Spíra
Domingo 3 de maio | Fundación Sales
Ólöf Arnalds é unha das voces máis singulares da música islandesa contemporánea. Formada como violinista clásica e admiradora de compositores como Schumann, Schubert, Berlioz ou Berio, o seu xiro cara ao folk-pop chegou durante os anos nos que acompañou en directo á banda Múm. A partir do ano 2007, emprende a carreira en solitario publicando catro discos nos que colaboraron desde Björk ata integrantes de Sigur Rós ou Amiina.
Despois dunha parada prolongada no tempo por razóns persoais, retomou o pulso da produción cun novo disco, Spíra (2025), producido pola súa parella, Skúli Sverrisson, director musical de Laurie Anderson e instrumentista de jazz que traballou Lou Reed, Jon Hassell, David Sylvian, Arto Lindsay, Ryuichi Sakamoto, Jóhann Jóhannsson ou Hildur Guðnadóttir. A súa proposta en directo –o dúo Ólöf e Skúli– parte da voz, a guitarra e outros instrumentos de corda pouco habituais como o charango ou o koto, serpenteando ambientes entre a tradición oral e a experimentación. Canta en islandés e en inglés, e converte o cotián en emoción compartida.
“Arnalds entende a canción como un espazo íntimo, directo e profundamente humano”?