Sinsal, Mellor Proxecto de Sustentabilidade nos Premios PALCO
O xurado recoñeceu #sinsalsenrastro, o modelo de xestión compartida co que o festival persegue o residuo cero na illa de San Simón
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia recibiu onte o premio ao Mellor Proxecto de Sustentabilidade nos Premios PALCO, que organizan a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia. O xurado destacou a corresponsabilidade do público na redución de plásticos e a transformación dos residuos do festival en recursos para a economía circular, nunha illa declarada Ben de Interese Cultural.
“Este premio é de todas as persoas que cada verán desembarcan en San Simón co seu kit festivaleiro e se levan de volta os seus residuos. Que a propia industria musical galega o recoñeza anímanos a seguir dando pasos agora que nos achegamos aos 25 anos de Sinsal”, expón Luis Campos, codirector do festival.
Desde 2018, Sinsal publica cada ano a súa memoria de sustentabilidade e, desde 2024, impulsa #sinsalsenrastro: sen papeleiras na illa e co apoio do Punto R e do Kit Festivaleiro, o festival reduciu en máis dun 30% os seus residuos nos dous últimos anos. Neste 2026, ademais, o plástico ríxido recollido transfórmase en ornamentación festiva grazas a un acordo con Iluminacións Santiaguesas.
O galardón chega un ano despois de que Julio Gómez e Luis Campos, de Sinsalaudio, fosen distinguidos como Mellor Promotor/Programador nestes mesmos premios, e súmase a tres Premios FEST, tres Iberian Festival Awards e á presenza ininterrompida do festival, desde 2022, no informe Lo mejor de la cultura da Fundación Contemporánea.