Punto R na illa de San Simón durante Sinsal 2025

Sinsal mantén a súa aposta de non fabricar novos vasos

Sinsal avanza na súa estratexia ambiental de cara á edición de 2026. Este ano manterase a aposta de non producir máis vasos reutilizables coa identidade do festival, unha decisión adoptada no 2025, e darase un novo paso no apoio á economía circular: os vasos transformaranse en luces de Nadal da man da empresa Iluminacións Santiaguesas.

Desde Sinsal queremos seguir afondando na liña #sinsalsenrastro, posta en marcha en 2024. Este programa busca poñer en práctica, a todos os niveis e apelando á responsabilidade compartida de equipo, provedores, patrocinadores, artistas e público, un modelo de xestión baseado nateoría das 3R: reducir, reutilizar e reciclar.

A gran novidade da estratexia ambiental de Sinsal para este ano é que, ao finalizar a fin de semana na illa de San Simón, o público terá a oportunidade de deixar os seus vasos no Punto R -o corazón loxístico da xestión de residuos do festival-. Grazas a un acordo de colaboración con Iluminacións Santiaguesas, estes residuos plásticos serán procesados e con eles fabricarase nova decoración de Nadal e doutras festividades públicas.

Consolidación do Punto R e do KIT FESTIVALEIRO

Sinsal dispón desde 2024 do Punto R, un espazo centralizado na illa de San Simón no que ofrecemos información sobre a correcta separación de residuos, ademais de servir como lugar de recollida de cara a garantir o obxectivo de deixar a illa sen pegada tras o evento, ou mesmo descubrir cales son os distintos puntos de auga potable gratuíta que hai ao longo do arquipélago -e que están debidamente sinalizados–. Neste espazo, o público tamén pode alugar, como é habitual, a vaixela reutilizable de Sinsal.

Ademais, para reducir a pegada de carbono e a xeración de refugallos, convidamos de novo ao público a ser parte activa do cambio a través do KIT FESTIVALEIRO: cada asistente pode levar á illa a súa propia vaixela e vasos reutilizables -tanto de edicións pasadas de Sinsal como de calquera outro evento- para o consumo de auga da billa, refrescos e outras bebidas.

En liña co compromiso ambiental do evento, e para evitar a xeración de novos plásticos, o servizo de barra coexistirá a través de dúas canles. Mentres que os vasos tanto do KIT FESTIVALEIRO como de anteriores edicións do Sinsal serán válidos para o consumo xeral, a cervexa Eservirase unicamente nos vasos reutilizables oficiais de SON Estrella Galicia. 

Publicacións similares