Sinsal explora o patrimonio industrial vigués e as orixes do festival en Portugal
Sinsal SON Estrella Galicia presenta a programación da súa segunda fin de semana, unha “travesía” que conectará a illa de San Simón con outros territorios e espazos singulares da contorna. Do 31 de xullo ao 2 de agosto, o evento expandirá o seu horizonte desde o corazón da ría de Vigo para estreitar, a través de diferentes propostas musicais, os vínculos co patrimonio industrial e arqueolóxico da zona.
Baixo o nome de “O Camiño Portugués”, esta sección reforza a relación que Sinsal mantén co país veciño dende os seus inicios e serve, ademais, de antesala para a celebración do seu 25º aniversario en 2027: a principios dos anos dous mil, a escena musical de Porto e Lisboa, os seus clubs e as tendas de discos de culto foron a influencia principal á hora de poñer en marcha o proxecto do festival.
Viaxar unha vez ao mes a Portugal a escoitar novidades converteuse nun costume que definiu a liña artística de Sinsal e creou un eixo cultural definitivo entre as dúas beiras do Miño. Nese ambiente comprobouse como a música en directo podía adaptarse a espazos pouco habituais como garaxes, xardíns ou naves industriais, unha idea que agora se traslada ao conxunto da programación.
Case 25 anos despois, Sinsal recupera esta conexión histórica e expande o festival en distintas localizacións emblemáticas. A segunda fin de semana do Sinsal SON Estrella Galicia 2026 comezará en Portugal da man doutro festival senlleiro, Semibreve. ‘Braga: pasos e espazos do Festival Semibreve’ é o nome da actividade na que o público poderá explorar a cultura e o son da cidade portuguesa a través dos lugares nos que se celebra este festival de música electrónica, arte sonora e dixital, unha das propostas culturais máis valoradas do país veciño. O percorrido contará con actuacións de artistas locais.
Tamén o venres 31 de xullo, ao outro lado do Miño, o público poderá descubrir o patrimonio industrial de Vigo a través de concertos en localizacións simbólicas da súa actividade portuaria, como é o caso da nave Reder@s no peirao de reparacións de Bouzas, que acollerá a estrea en Galicia do grupo madrileño Las nietas del Charli; ou o Peirao do Arenal que, entre bloques xigantes de granito -como xa aconteceu no escenario Sinsal Océano de 2024-, será o escenario no que actúe María Rodés, unha celebración que coincidirá co 50º aniversario de Kaleido Logistics.
O itinerario musical do festival tamén fará parada noutras arquitecturas significativas da zona ligadas á paisaxe mariñeira e histórica, como o Museo do Mar de Galicia (sábado 1, cuxo cartel de concertos será secreto, coma acontece na illa de San Simón), ou o Mosteiro de Oia, no que actuará Alondra Bentley no concerto de clausura do Sinsal o domingo 2.