Sinsal despídese de San Simón coa música de Indus, Juventude, Virginie Dembelé, Nadeem Din-Gabisi, Mocho Gris, Skanderani e Matéria Prima DJs

Psicodelia, rock, soul, funk, música tradicional colombiana actualizada desde a electrónica, pop e roots blues africano compoñen o mapa sonoro da terceira xornada

A terceira xornada do Festival Sinsal SON Estrella Galicia na illa de San Simón conta cun cartel ateigado de estreas: hoxe actúan por primeira vez en España artistas como Indus, Virginie Dembelé e Nadeem Din-Gabisi, alén da primeira actuación ante o público galego do dúo andaluz Juventude. Completan o cartel secreto a banda galego-exipcia Skanderani, a galego-portuguesa Mocho Gris e os djs Matéria Prima de Porto.

Ás 12.15 horas chegaban os primeiros barcos desde Vigo, momento no que o selector galego Galis 115 picaba os primeiros casetes no escenario Malmequeres para dar paso, ás 14.00 horas, ao primeiro concerto da xornada sobre as táboas do Buxos Xacobeo 2027. Desde A Estrada, o cuarteto Skanderani -fundado no ano 2022 polo músico Ahmed Moussa, de raíces galegas e exipcias- daba a coñecer a súa música, que combina música instrumental árabe, a no-waveneoiorquina e o afrobeat nixeriano. Toda unha viaxe pola psicodelia mediterránea dos anos 70 que confirmaba a aposta pola diversidade estilística do festival tamén na súa xornada de despedida. A outra representación galega (e portuguesa) da xornada foi a do dúo Mocho Gris -nado da alianza entre o galego Lucas de Centi (Néboa) e o portugués João Neves, ambos colaboradores habituais de Baiuca-, que deu a coñecer en Santo Antón o seu álbum debut, 2

O escenario situado xunto ao paseo de Buxos acolle hoxe tamén dúas estreas en España. A primeira delas, a de Nadeem Din-Gabisi. A rica historia persoal deste artista multidisciplinar, marcada pola converxencia da herdanza británica e de Serra Leoa, constitúe a base dunha viaxe musical polo soul, funk ou hip hop que pon sobre a mesa cuestións como a identidade negra ou o desprazamento cultural. A segunda, a da maliana Virginie Dembelé, quen xa xirara por Europa acompañando a Koko Dembélé, Toumani Diabaté ou Salif Keita. Regresa á fronte da súa propia banda, abandeirando a diversidade cultural e o papel da muller na cultura do seu país, e sendo unha das principais referencias do roots blues africano.

Pola súa banda, o escenario central da illa, o San Simón SON Estrella Galicia, acolle este domingo unha xornada ateigada de movemento. Primeiro, coa estrea estatal de Indus, o dúo colombiano de música de baile que se inspira en ritmos e melodías do cancioneiro popular do seu país e adapta así instrumentos clásicos aos patróns de sintetizadores e ferramentas de edición dixital. O país suramericano regresa deste xeito ao festival, que xa visitara con propostas como Mestizo (2024) ou Lido Pimienta (2022), entre outras.

Após a estrea en España de Indus, será a quenda da estrea ante o público galego de Juventude, o dúo andaluz que combina psicodelia, flamenco-pop, rumba ou ska cunha boa dose de humor absurdo. O grupo presenta en San Simón o seu álbum debut antes de continuar cunha xira por escenarios da península, algún deles tamén enmarcado no programa #RíasBaixasFest. 

O peche da xornada virá da man “dos irmáns maiores” do Sinsal: os djs de Matéria Prima, a tenda de discos máis antiga do Porto e unha das referencias culturais máis importantes de Portugal. Ás portas do 25º aniversario do Sinsal, e antes de continuar a travesía en Braga, Sinsal rende homenaxe áloja cunha dobre sesión no Malmequeres.

Descubre San Simón e obradoiros para todos os públicos

En paralelo á programación musical, completaron o panel de propostas paralelas tres novas voltas do roteiro familiar A illa misteriosa e outra das novidades desta edición: o paseo A radio natural de San Simón, guiado polo artista e investigador sonoro Mateo Mena. Completaron o panel de propostas a presentación Coñecendo Analogik Dreams -o selo analóxico impulsado por Sinsal e que grava sobre arxila-: Do, Re, Bip, o taller familiar de creación musical impartido por Juanma LoDo; e un obradoiro gastronómico da man da recoñecida chef Begoña Vázquez.  

Publicacións similares