Descubre San Simón
En San Simón, antes de que soe a música da primeira banda ou solista -ou ao longo da tarde–, propoñémoste explorar este fermoso arquipélago. Podes programar unha visita pola illa seguindo os nosos paneis “Descubre San Simón”, asistir a un dos roteiros que propoñemos ou, simplemente, e sen présas, marcar o teu propio ritmo polos xardíns e ambientes deste patrimonio declarado Ben de Interese Cultural de Galicia.
Un paseo pola illa en oito paradas
Se che apetece explorar a illa de San Simón, suxerímosche este paseo. En cada parada, atoparás un código QR que te levará a un documento en galego, español e inglés. Este ano sumanos unha nova estación: A primeira liña telegráfica submarina de Galicia.
Illario Pantasma
por Xosé Lois G. Faílde
Da orixe dun lugar ao presente que ocupa todo un tránsito de feitos e memorias que ó atravesan. O xesto de percorrer esa distancia no tempo ten tamén a súa resoancia máxima no camiñar o espacio para recordar a vibración do territorio coa su propia historia. Camiñando sucédense revelaciones e ensamblaxes entre as distintas memorias particulares desa terra que vas pisando. Nesta actividade, tentaremos facer do camiñar un “acto ritual” que lle devolva a cada un de nós unha narrativa íntima co pasado da illa. Conxurar ó invisible na illa co noso deambular ao longo dunha andaina entre tres estacións onde coñecer o corpo fitolóxico da paisaxe (Espectros botánicos), a pegada difusa do imaxinario da escrita da illa (Pantasmas literarios) e a xenealoxía política soterrada neste lugar (Pa(i)saxes esquecidxs).
A radio natural de San Simón
Por Mateo Mena
O arquipélago de San Simón foi un dos centros epidemiolóxicos máis importantes de España. A súa evolución durante o século XIX é paralela ao desenvolvemento científico e tecnolóxico do continente. A chegada do telégrafo e a conexión dunha liña submarina con Vigo inaugura unha transformación que, alén de cambiar as comunicacións, modifica o ambiente sonoro da illa.
O artista e investigador sonoro Mateo Mena guiaranos por un percorrido moi especial –e espacial– desde o presente ata eses anos nos que aínda se podía sintonizar a radio natural sen a contaminación da tecnoloxía. Durante o paseo, a través de diferentes soportes e medios, rastrexaremos e escoitaremos as radiacións atmosféricas usando “transductores”, tecnoloxía que fai audible os sons fóra do noso rango de frecuencia.
Alborada Galega
Por Aleksander Kolkowski
Aleksander Kolkowski é un artista sonoro, alén de violinista e compositor, experto en tecnoloxías acústicas históricas. A súa participación no Festival Sinsal desde o ano 2019 é un privilexio e unha oportunidade única que nos permite desfrutar e aprender cun dos poucos expertos en gravacións analóxicas e reprodutores antigos. Este ano, alén das súas habituais sesións en cilindro de cera, presentará tres instalacións con bucinas acústicas. Unha viaxe pola percepción sonora da primeira metade do século XX.
Aleksander Kolkowski presenta “Alborada galega”
Gravacións históricas con voces e música de Galicia, capturadas durante a era analóxica do século XX, renacen a través de varias instalacións cunha variedade de bucinas de fonógrafo, gramófono e radio antigas. Estes “altofalantes” non só actuaban como instrumentos de reprodución, senón como condutos resoantes cara a outra época. Durante o festival, tres estacións de escoita, cos seus propios ambientes, situaranse en diferentes puntos de San Simón, ofrecendo unha experiencia sonora singular, adaptada á súa contorna natural. Cada estación presenta unha banda sonora seleccionada desde arquivos históricos de Galicia, mesturando fragmentos do pasado e compoñendo sutís narrativas contemporáneas. Invitamos os visitantes a escoitar con atención, a sintonizar as texturas das gravacións antigas e a descubrir voces e melodías que algunha vez resoaron en lugares e tempos afastados. Deste xeito, a experiencia vólvese íntima e colectiva: un momento de conexión onde a escoita privado combínase cunha memoria cultural compartida, unindo xeografía, historia e presenza.
A illa misteriosa
Por Arte y Garabato
Vén explorar a illa de San Simón dun xeito totalmente diferente. Convidámoste a percorrer este espazo natural e a xogar coa súa paisaxe para descubrir a súa beleza desde outros puntos de vista.
O título deste taller de creatividade e natureza apto para todos os públicos inspírase nunha das novelas de Julio Verne, autor moi ligado á historia do arquipélago e da ensenada como poderás descubrir no itinerario “Descubre San Simón”. Faremos un percorrido dinámico pola illa onde xogaremos con elementos da natureza (como a luz, as sombras e os reflexos) a través de actividades sinxelas e orixinais. Saíndo desde a capela, pasearemos por lugares tan emblemáticos como os paseos de buxos e acacias.













