Océano Kaleido – Sinsal: visita guiada ao porto de Vigo con peche musical o 25 de xullo
O festival Sinsal SON Estrella Galicia presenta unha proposta divulgativa coa que clausurará este verán a nova edición do festival. Trátase de Océano Kaleido – Sinsal, unha iniciativa na que ciencia, cultura, patrimonio industrial e patrimonio inmaterial confluirán no porto de Vigo ao martes 25 de xullo grazas á nova alianza que Sinsalaudio establece co Grupo Kaleido e a súa Fundación Bretal. Así, o Día de Galicia, o porto vigués abrirase á cidadanía a través dunha singular visita guiada polo seu Peirao Transversal, unha proposta que incluirá un peche musical secreto. O festival Sinsal SON Estrella Galicia, que celebrará a súa nova edición do 21 ao 23 de xullo na illa de San Simón (Redondela), é coñecido pola diversidade de procedencias e de estilos musicais das bandas e solistas que participan no evento -chegadas dos cinco continentes, moitas delas inéditas en Galicia-. Nos últimos anos, teceu unha rede de alianzas estratéxicas con axentes e institucións de proximidade, situadas na Ría de Vigo, á fin de deseñar actividades culturais que poñan en valor o patrimonio material e inmaterial da contorna. É o caso do Centro de Interpretación de Meirande, as lonxas de Cesantes e Vigo, o Museo do Mar de Galicia, ou mesmo os asteleiros Freire e Cardama Shipyard. Este 2023, Sinsalaudio e o Grupo Kaleido, a través da Fundación Bretal -que promove actividades de contido cultural, educativo e deportivo-, aúnan esforzos para ofrecer, o vindeiro 25 de xullo, unha xornada especial que pretende por en valor os océanos, alén da súa relevancia na superficie do planeta, como as grandes vías de divulgación e riqueza cultural. Por estas grandes masas de auga, que serviron -e seguen a servir- para o intercambio de recursos, hoxe en día navegan grandes bloques de granito que, de camiño a distintos lugares do mundo, fan escala en Vigo. Polo seu volume e forma poden parecer semellantes, mais na xornada Océano Kaleido – Sinsal o público descubrirá que, pola súa composición, textura e cor, cada bloque pode ser diferente. A xornada comezará ás 20:30 horas cun roteiro guiado ao porto vigués, espazo estratéxico de gran valor económico e social para a cidade. Concretamente, as e os asistentes visitarán o Peirao Transversal, lugar no que cada día acontece unha parte moi relevante da actividade industrial portuaria e que, en ocasións, resulta descoñecida para a cidadanía. O público, dividido en grupos (con accesos ás 20:30 e 20:45 horas, que se poderán seleccionar á hora de mercar a entrada), realizará un percorrido guiado a través dos materiais e grandes bloques de granito presentes nesa zona do porto. Durante a visita, achegaranse á xeoloxía deses monolitos xigantes, ao proceso loxístico que transcorre ata que chegan ao chan vigués e outros detalles da actividade industrial local. A xornada finalizará cunha pequena conversa e cunha intervención musical singular secreta que recuperará, a través dun repertorio clásico, pezas de mulleres compositoras de diferentes épocas e países de orixe. Este recital levarase á cabo coa colaboración de FEST Galicia, a marca da Xunta de Galicia que acolle aos distintos eventos musicais galegos, poñendo en valor a cultura como espazo e ferramente de unión entre institucións públicas e privadas. As entradas para asistir á xornada Océano Kaleido – Sinsal están dispoñibles desde hoxe, a partir de 15 euros (máis gastos de xestión) a través de Enterticket.