O Sinsal 2026 comeza en Vigo: dous concertos moi especiais no Planetario e na cámara semianecoica
Sinsal SON Estrella Galicia inicia a súa travesía deste ano en terra firme con dous agasallos musicais en Vigo. Na mañá do venres 24 de xullo, antes de partir cara á illa de San Simón, o festival ofrecerá dous concertos exclusivos en dúas localizacións científicas e tecnolóxicas singulares da cidade olívica.
As prazas son moi limitadas e as persoas con abono para o festival terán acceso preferente para reservalas desde hoxe mesmo e ata o 15 de xullo. A partir de entón, e no caso de quedar convites dispoñibles, poderán reservar a súa praza todas aquelas persoas que teñan entrada de día para o festival.
Dúas experiencias sonoras únicas
- Mateo Mena no Planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro. O compostelán Mateo Mena, un dos artistas sonoros máis inquedos do Estado que investiga a confluencia entre ecoloxía e electromagnetismo, presentará o proxecto Detrás do azul. Desenvolvido en diferentes puntos dos círculos polares, este concerto porá en relación o canto dos paxaros, as tormentas electromagnéticas de Xúpiter e o fenómeno das auroras boreais mentres o público observa o ceo estelado no emblemático planetario vigués (inaugurado en 1966).
- Carme López na cámara semianecoica da Universidade de Vigo. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación abrirá as portas deste impresionante laboratorio de acústica avanzada. Un espazo deseñado para evitar calquera ruído externo ou reflexión do son que se converterá no escenario perfecto para o recital de Carme López, unha das figuras máis prometedoras da música tradicional galega. A súa obra desborda o son da gaita para ofrecer un universo de texturas sonoras inéditas.
Ambas citas son de capacidade reducida. O acceso preferente é para quen teña os abonos do Sinsal San Simón, é dicir, para o público que adquiriu os pases de tres días para os concertos na illa (24, 25 e 26 de xullo).
Estas persoas poderán reservar a súa praza desde hoxe e ata o 15 de xullo. Unha vez remate este prazo, de quedar localidades libres, poderanse reservar entre aquelas persoas que xa teñan a súa entrada de día.
📩 Se tes abono, consulta a bandexa de entrada do correo electrónico co cal fixeches a compra para ver os pasos a seguir. Se non o recibiches, escríbenos por favor a festival@sinsalaudio.org.
Vémonos pronto en Vigo e en San Simón!