O Camiño Portugués

O Camiño
“O Camiño Portugués” fai referencia directa ás orixes de Sinsal. A principios dos anos dous mil, a escena musical de Porto e Lisboa, os seus clubs e tendas de discos como Materia Prima foron a influencia principal á hora de poñer en marcha o proxecto. Viaxar unha vez ao mes ao país veciño a escoitar novidades converteuse nun costume que definiu a liña do festival e creou un eixo cultural entre Porto, Lisboa e Vigo. Nese ambiente comprobouse como a música en directo podía adaptarse a espazos pouco habituais como garaxes, xardíns ou naves industriais.
Ás portas do 25º aniversario, Sinsal recupera esta conexión para estender a programación fóra de San Simón. Nesta travesía, o festival achégase a Vigo para explorar o seu patrimonio industrial, vinculando os concertos a espazos simbólicos do porto como o Peirao do Arenal ou a nave de Rederas en Bouzas. Seguindo os vieiros do Camiño Portugués, o evento expándese a Portugal e coñece Braga da man dun festival irmán: Semibreve. De novo, a música segue a descubrir a historia e a arquitectura do noso territorio.












