Merina Gris, Mary Ocher, Cakes da Killa, Gigi Girls, Gazella, AK/DK e Viktor Flores actúan na segunda xornada do Sinsal
Punk, hip hop, disco, electrónica, rock, cabaret e música disco conforman a banda sonora da segunda xornada do Sinsal
O festival do cartel secreto desvelou esta mañá a súa programación en canto o público desembarcou na illa: as estreas en Galicia de Merina Gris e Cakes da Killa, e en España das alemás Gigi Girls; pero tamén o regreso ao país de nomes como Mary Ocher, AK/DK ou Gazella foron moi celebrados no inicio dunha extensa xornada na que o DJ vigués Viktor Flores celebra os seus 30 anos de traxectoria cun dobre set.
A xornada arrancou desde o escenario situado ao inicio do paseo dos Buxos, un dos lugares máis emblemáticos da illa de San Simón. Alí, o quinteto valencián Gazella, unha das propostas pop emerxentes máis interesantes da escena estatal, daba a coñecer o seu álbum Vías. E dun escenario emblemático, o público trasladouse cara á outro, pois a artista rusa residente en Berlín Mary Ocher regresaba a Galicia para presentar nun Santo Antón en absoluto silencio Weimar, o seu último traballo, unha homenaxe ao cabaret alemán de vangarda dos anos 20. No escenario de Galicia Calidade só se escoitaban a súa voz e o piano; entrementres, na illa Simón, o dj vigués Viktor Flores iniciaba en Malmequeres o primeiro do seu dobre set co que festexa os seus 30 anos nas cabinas.
O escenario principal, San Simón SON Estrella Galicia, acolleu ás 17.00 horas a estrea en Galicia dun dos grupos chamados a liderar a escena vasca: Merina Gris. Gañadores do Premio MIN 2026 ao Mellor Álbum en Euskera por ZULOA, o trío donostiarra amosou con contundencia ante o público sinsaleiro por que son considerados como unha das propostas máis persoais do son urbano a nivel estatal.
A segunda xornada do festival continúa coa estrea estatal das alemás Gigi Girls, responsables de transformar o escenario de Buxos Xacobeo 2027 no centro dunha pista de baile italiana dos anos 70 e 80. O mesmo palco acollerá a estrea galega do músico estadounidense Cakes da Killa, un dos maiores expoñentes da cultura ballroom -a subcultura LGTBQI+ afro e latina que reivindica vestir con roupa do xénero oposto-. O artista chega a San Simón tras o seu paso recente por Glastonbury e Sónar, e despois de lanzar, onte mesmo, o seu novo EP, New Bitch. Completa o cartel deste sábado 25 o poderoso directo dos británicosAK/DK coa súa combinación da enerxía crúa do punk cos ritmos vibrantes da música electrónica.