Localizacións

Braga (Portugal)

A cidade portuguesa é a primeira parada do segundo fin de semana da travesía de Sinsal 2026. Nun percorrido de 3 horas a pé que partirá do Largo de São Paulo  e sen necesidade de utilizar o coche, descubriremos espazos de exposicións, salas de concertos, museos, fábricas e tendas con encanto, unha casa chea de libros e creatividade e xardíns agachados. 


KALEIDO, Ideas & Logistics (Vigo)

No ano do seu 50 aniversario, KALEIDO reafirma cinco décadas de traxectoria impulsando solucións loxísticas globais con innovación e visión internacional. Desde Vigo, a compañía xestiona proxectos loxísticos por terra, mar e aire para sectores estratéxicos como Enerxías Renovables, Enxeñerías, Recursos Naturais, Automoción, Pharma ou Retail, entre outras.

Cun enfoque tecnolóxico e sostible, KALEIDO consolidouse como un operador global con presenza internacional, contando con oficinas, centros loxísticos, activos e equipos locais en España, Portugal, China, Brasil, Angola, Mozambique, Namibia e agora Sudáfrica.

Alén dos seus servizos de transporte marítimo, terrestre e manipulación de carga, a compañía achega un alto valor engadido a través de solucións especializadas como trincaxe e soldadura, xestión integral de proxectos, oficina técnica, servizos aduaneiros e portuarios, almacenaxe loxística e iniciativas de innovación orientadas a transformar as cadeas de subministración.

Kaleido durante Sinsal 2024


Nave de Reder@s (Vigo)

Os peiraos de Bouzas reúnen o maior espazo de terminal portuaria e instalacións industriais do Porto de Vigo. Atópase dividido en dúas zonas principais: unha terminal especializada en tráficos de mercancía xeral; e un peirao de reparacións onde se instalan os principais estaleiros de Vigo. Nesta última, demais da liña de atracada dispoñible para os buques que teñan que realizar reparacións á boia, localízanse naves dedicadas ao sector auxiliar que abarca absolutamente todas as fases da construción, reparación e avituallamiento. 

Aquí atópase a nave de Reder@s de Vigo, un proxecto posto en marcha por cinco empresas dedicado á construción e reparación de aparellos dos buques de pesca e á formación de persoal embarcado especializado no mantemento destas redes artesanais en alto mar.


Museo do Mar (Vigo)

O Museo do Mar de Galicia está emprazado na vella fábrica de conservas Alcabre-Molino de Viento (1887) en Vigo. A renovación da obra arquitectónica é encargada nun primeiro momento a equipa de Aldo Rossi e César Portela; unha vez finado Rossi, as obras rematan no ano 2002, baixo a dirección e a revisión do proxecto orixinal a cargo de César Portela. O edificio resultante mestura vangarda e tradición, formado por un conxunto de cinco naves rehabilitadas, un edificio de nova construción tamén de cinco naves, e a prolongación dun peirao preexistente onde se empraza un acuario e un faro. 

Nas súas salas, o visitante coñecerá a actividade pesqueira en todos os seus ámbitos, así como o seu desenvolvemento no discorrer da historia: a pesca, o marisqueo e a acuicultura, os métodos de conservación, desde os antigos sistemas de salgadura aos modernos de conxelación, os avances técnicos nas embarcacións ou a bioloxía mariña.


Real Mosteiro de Oia (Oia)

O Mosteiro de Santa María de Oia comezou a construírse a mediados do século XII, durante o mandato do rei galego Afonso VII. No interior dos seus muros reuníronse monxes que previamente habitaban distintos puntos da comarca. En 1185 pasou a formar parte da Orde do Císter. Conta con elementos románicos, góticos e barrocos, froito das reformas e modificacións que sufriu ata finais do século XVIII.

Grazas á súa estratéxica localización (está situado xusto á beira do mar), Santa María de Oia xogou un importante papel na defensa da costa. En 1624 os monxes lograron desbaratar un ataque da flota turca, o que levou a Felipe IV a concederlle ao mosteiro o título de “Real”. Tras a Desamortización de 1835 pasou a ser de propiedade privada, aínda que a igrexa funciona como templo parroquial. No ano 1910 foi restaurado e acondicionado como colexio por unha comunidade de Xesuítas portugueses, pero foron expulsados de España no ano 1932. Poucos anos despois, durante a Guerra Civil, o mosteiro foi un cárcere franquista ata o seu posterior abandono. No proceso de restauración da actualidade, o mosteiro conserva parte dos debuxos e textos que os presos republicanos deixaron nas paredes das celas.