O festival

Festival Sinsal SON Estrella Galicia

Músicas de vangarda, de raíz, sonoridades modernas e propostas contemporáneas conforman a coidada e exquisita paisaxe sonora que ofrece Sinsal: unha programación aberta e diversa en estilos, con protagonismo de proxectos liderados por mulleres, bandas emerxentes e grupos que tocan por vez primeira en Galicia ou España.

Alén do programa de concertos, Sinsal propón un festival cultural paralelo. Audicións, microconcertos acústicos, obradoiros familiares ou paseos divulgativos sobre o patrimonio histórico e natural tanto da illa como da Enseada de San Simón son algunhas das propostas que se poden vivir durante o evento do cartel secreto.

A illa de San Simón

No corazón da Ría de Vigo atópase a illa de San Simón, un enclave fermoso e singular: foi fonte de inspiración na lírica medieval, lazareto no s. XIX e campo de concentración na guerra civil.

A illa de San Simón é o escenario e cabeza do cartel do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, un evento diúrno ao que só se pode acceder en barco e no que o público asistente non coñece a súa programación ata que desembarca.

Camiño

Neste 2026, Sinsal será moito máis que un festival: será unha travesía. Desde o corazón da ría de Vigo, conectaremos con outros territorios e espazos singulares da contorna a través da súa arquitectura, do patrimonio industrial e arqueolóxico. Exploraremos a correspondencia entre a vibración do son e a impresión da mirada. Ás portas do noso 25º aniversario, transitaremos polo Camiño Portugués e reforzaremos o vínculo que sempre mantivemos co país veciño.

Sinsal en vídeo