Blanco Palamera, Pili Pili Girls, Gans e Azzi On The Beat conforman o cartel secreto no Museo do Mar
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia suma novos nomes ao cartel da súa 24ª edición ao desvelar o nome das banadas que actúan hoxe no Museo do Mar de Galicia. O cartel inclúe a presentación en Galicia de bIIIp, o novo traballo do dúo de pop galego Blanco Palamera, xunto a tres estreas absolutas no Estado: a formación de singeli tanzana Pili Pili Girls, o post-punk dos británicos Gans e a música urbana do artista nixeriano Azzi On The Beat.
Cunha selección que abrangue desde a electrónica de baile de alta intensidade ata as novas correntes do pop e do rock independente, a cita no Museo do Mar dá paso á recta final dunha travesía itinerante que arrancou o pasado 24 de xullo en Vigo e pasou por San Simón, Braga e o porto vigués.
A travesía despedirase mañá, domingo 2 de agosto, cun concerto de clausura no Real Mosteiro de Oia de Alondra Bentley e do seu folk intimista. A apertura de portas será ás 19.30h e a actuación comezará ás 20.00h neste enclave cisterciense único á beira do Atlántico.