A travesía de Sinsal fai escala no porto de Vigo e no Camiño Portugués

O peirao de Bouzas e as instalacións de Kaleido Logistics acollerán os concertos de Las nietas del Charli e Maria Rodés

Tras o seu paso pola illa de San Simón, a travesía do Festival Sinsal SON Estrella Galicia aborda desde mañá, venres 31 de xullo, a súa segunda etapa de programación. O festival estende a súa proposta polo eixe do Camiño Portugués con concertos en Vigo, Oia e a cidade lusa de Braga.

A actividade comezará ás 20.30 horas no peirao de Bouzas co dúo Las nietas del Charli, que actuarán na Nave de Reder@s. O dúo madrileño formado polas irmás María e Raquel Rubio presentará o seu álbum debut, Un Sol Dentro, un disco producido por Campi Campón (habitual de Natalia Lafourcade ou Jorge Drexler). A continuación, a música trasladarase ao peirao do Areal, onde Maria Rodés ofrecerá un concerto entre os bloques xigantes de granito almacenados en Kaleido Logistics, un escenario ao que o festival regresa tras acoller o Escenario Océano na edición de 2024 -e nunha cita que serve, ademais, para celebrar o 50º aniversario da empresa viguesa-.

Antes de que a música soe na ría, a xornada comezará ao outro lado da fronteira co paseo Braga: pasos e espazos do Festival Semibreve. Trátase dunha ruta patrimonial que propón descubrir un perfil menos turístico da cidade lusa: o percorrido conectará algunhas das sedes habituais do recoñecido evento portugués de música electrónica e artes visuais con outros espazos de interese urbano e artístico da localidade.

A fin de semana continuará o sábado 1 de agosto no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, recuperando a fórmula do cartel secreto que define o espírito do festival: nomes descoñecidos para o público até a apertura de portas. A xornada contará coa estrea en España de tres formacións internacionais e a presentación en Galicia do novo disco dunha recoñecida banda da escena galega.

A escala final da travesía Sinsal 2026 chegará o domingo 2 de agosto no Real Mosteiro de Oia, o único edificio cisterciense do mundo situado á beira do Atlántico, cun concerto íntimo de clausura de Alondra Bentley.

Publicacións similares