A illa de San Simón acolle esta fin de semana unha nova edición de Sinsal SON Estrella Galicia
Bandas, solistas e selectores de Galicia, Alemaña, Colombia, Inglaterra, Malí, Portugal ou Xapón, entre outros territorios, forman parte do cartel secreto
Mañá venres 24 de xullo arranca oficialmente unha nova edición do Festival Sinsal SON Estrella Galicia. A cita máis singular do verán cultural galego, celebrada desde hai 15 anos na illa de San Simón e coroada por un cartel secreto, inicia a súa travesía musical cunha programación que volve apostar pola creación contemporánea, a diversidade de sonoridades e a posta en valor do patrimonio natural e histórico da ría de Vigo.
O festival arrancará en terra firme durante a mañá con dous concertos inaugurais. O músico Mateo Mena ofrecerá unha actuación no Planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico, o primeiro de España e segundo de Europa; mentres que Carme López, renovadora da música tradicional, levará a súa proposta sonora á cámara semianecoica da Universidade de Vigo.
Após o inicio en Vigo, o festival porá rumbo cara á illa de San Simón contra primeira hora da tarde. Durante o venres 24, sábado 25 e domingo 26, o público embarcará desde os peiraos da Estación Marítima viguesa e de Meirande (Redondela) para vivir unha experiencia musical “a cegas”, pois o cartel do festival segue a ser secreto e non se desvela ata o desembarco.
Estreas musicais e proxectos premiados
A programación musical de San Simón estará formada por case unha vintena de bandas, solistas e selectores procedentes de Galicia, Alemaña, Colombia, Inglaterra, Malí, Portugal ou Xapón, entre outros territorios. Haberá numerosas estreas en territorio estatal -con artistas de Asia, África e América que actúan por vez primeira en España-, mais o público do país poderá escoitar por vez primeira en Galicia algúns dos proxectos máis premiados nos últimos meses pola industria musical independente. Unha vez máis, Sinsal será a primeira escala para grupos que, nos vindeiros meses, serán reclamo de calidade nos carteis doutros festivais.
A estancia en San Simón -cunha capacidade limitada a 800 persoas por día- está deseñada para descubrir e vivir a música sen présas. Alén dos concertos en horario diúrno e en pequeno formato repartidos polos catro escenarios da illa, o festival desprega unha programación paralela que inclúe paseos divulgativos para dar a coñecer o patrimonio natural e histórico de San Simón, ademais de obradoiros, presentacións e unha coidada oferta gastronómica de proximidade.
A cita mantén ademais o seu compromiso coa contorna a través da iniciativa #sinsalsenrastro, un modelo de xestión de residuos posto en marcha no ano 2024 e que aposta polo Punto R como centro de reciclaxe e información ambiental, o fomento do Kit Festivaleiro entre o público, a reutilización de vasos, a eliminación das papeleiras na illa e o uso de cinceiros portátiles coa intención de reducir a pegada humana nun espazo declarado BIC.